O venres 3 de Febreiro a parroquia de San Cristobo de Briallos festexou a San Blas bispo e mártir con diferentes actos lúdicos e relixiosos. Pola mañá unha gran tirada de fogos anunciou o comezo da festa, as 9:00 rezouse o Santo Rosario e deseguido bendecíronse os fanchucos e o aceite de San Blas. Houbo misas rezadas as 10:00, 11:00 e 12:00h e o Grupo de gaitas "Os Xuncos" de Lalín foi o encargado de poñer o toque musical tradicional durante toda a mañá da festividade. Hai que mencionar que durante todo o día non faltaron postos gastronómicos no exterior do recinto da igrexa: un posto de polbo a feira, postos de rosquillas, churros e productos gastronómicos como o queixo ou os chourizos foron os encargados de satisfacer o paladar dos mais esixentes. Xa en horario vespertino, a quenda musical foi para o grupo de gaitas "Maquía" de Godos, houbo unha misa rezada as 18:00h, e as 19:00h celebrouse a Misa Solemne cantada polo coro parroquial de Briallos seguida da concurrida procesión das candeas ata a bouza de San Brais asi mesmo acompañada polo citado grupo de gaitas. Ao finalizar cada acto litúrxico os asistentes puideron mercar os fanchucos bendecidos e untar as suas gorxas en aceite. Pola noite os veciños e visitantes puideron desfrutar dunha verbena amenizada polos Dúos Obice Capital de Padrón e Marema de Xeve acompañada de Churros con chocolate nun espectacular ambiente de festa. Para os que non puideron asistir o día 3, houbo misas o domingo anterior (rezada) e o domingo seguinte (cantada polo coro parroquial de Tremoedo) ámbalas dúas as 10:00h. Foron moitas as persoas que durante todo o día se deron cita na igrexa parroquial de Briallos para honrar a San Blas e desfrutar do ambiente festivo que estivo presente durante toda a xornada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario